Comezo Novas do Monte Novas Máis de 70 persoas no roteiro polos montes do Hío

PostHeaderIcon Máis de 70 persoas no roteiro polos montes do Hío

Aínda non eran as 10 da mañá do pasado domingo 19 de xuño e xa máis de 50 persoas agardaban o comezo da andaina polo Monte Veciñal do Hío, derradeiro dos 3 roteiros organizados conxuntamente polas comunidades de montes veciñais en man común do Hío, Darbo e Coiro e a Xestora Veciñal dos Montes de Aldán. Pouco despois, coa chegada dos menos madrugadores botamos a andar dende a Cruz do Castro camiño da Fontenova para despois subir pola calzada romana até A Fanica, onde a Brigada da nosa comunidade limpou recentemente a zona repoboada hai varios anos coa colaboración dos rapaces do CEIP do Hío, que levaba anos descoidada. 

Despois cruzamos a estrada a Donón para nos dirixir á aldea de Viñó e ao areeiro onde falamos un chisco dos problemas ambientais que afectan o fráxil ecosistema dunar, despois de coller folgos na fonte de Viñó. Saímos do areeiro camiño xa a Nerga onde chegamos ás 12:15 da mañá, despois de parar no Pedroallo a ollar as brañas que utiliza o xabarín para se bañar.

Un percorrido que se lles fixo curto aos camiños máis avezados malia a dureza das dúas subidas realizadas, -nos apenas 6 km de camiñada acumulamos case 700 m de desniveis-, e que agradeceron os menos experimentados e que serviu en definitiva de colofón das rutas feitas polos montes comunais do concello de Cangas, unha inmensa riqueza económica e ambiental que cómpre defendermos entre todas e todos.

As fotografías que acompañan esta nota foron cedidas por Estanislao Sotelo.