Comezo Quen Somos

PostHeaderIcon A Nosa Historia

       A historia da Comunidade dos montes veciñais da parroquia do Hío é semellante a de moitos outros montes mancomunados galegos. A política forestal da Ditadura de repoboacións masivas trouxo consigo a perda da propiedade dos montes por parte dos veciños e veciñas de todas as parroquias galegas despois de que varias leis, -1941, constitución do Patrimonio Forestal do Estado; 1946, Lei Hipotecaria; 1957, Lei de Montes-, fosen outorgando a propiedade dos montes á Administración Pública. Propiedade que en moitos casos, entre eles o da nosa parroquia, xa aparecía documentada no catastro do marqués de Ensenada de 1752. No caso concreto dos montes do Hío, o devandito catastro recoñece como montes do común os da Cortinacha, Porteliña, Serra de Barra, Costeira, Pelaios,  Mixueiras de Sobrado, Outeiro Gordo e Areal de Barra. 

      As protestas que se fixeron escoitar por todas as parroquias galegas foron conseguindo, despois da caída do réxime franquista, a paulatina devolución do monte comunal á veciñanza. Curiosamente, xa no 1968 a nova Lei de Montes e no 1970 o Regulamento que a desenvolveu, dispuñan a devolución do monte aos veciños pero intereses das oligarquías locais retrasaron o proceso máis de 10 anos na maioría do país. Neste interesante documental de Llorenç Soler, do ano 1978, O monte é noso, analízase esta loita veciñal de recuperación da propiedade colectiva do monte, con especial atención á nosa parroquia.

VER VIDEO O MONTE É NOSO (PRECISA REXISTRO GRATUÍTO)

        No caso do Hío o proceso comezou precisamente no 1978, en concreto o 24 de abril, coa solicitude do inicio do expediente de clasificación dos montes da parroquia ao Xurado Provincial de Montes por parte da Comisión Promotora da Asociación de Veciños O Cruceiro. E remataría o 15 de novembro de 1979 co Resolución do Xurado Provincial de Montes de clasificar como montes veciñais en man común os denominados Montes do Hío.

       Actualmente a xestión e representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia do Hío corresponde á Xunta Reitora, elixida en Asemblea Xeral celebrada o 11 de maio de 2008. Na actualidade, o número de comuneiros é de 355.